Orde do 17 de marzo de 2017 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2017.

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento MR506A, MR506B).

Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:
a) Liña A. Asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.
b) Liña B. Loita contra as agresións e enfermidades da colmea.
c) Liña C. Racionalización da transhumancia.
d) Liña E. Medidas de apoio á repoboación da poboación apícola española.
Beneficiarios e requisitos
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2016.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia.
Os apicultores que estean incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda a título individual.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.
Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.
b) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.
c) Ter realizada a declaración censual anual obrigatoria referida en 31 de decembro de 2016.
d) Realizar polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 2 de maio.

Para máis información prema no enlace