A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso 2017/18.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170522/AnuncioG0164-120517-0005_gl.html ), o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 23 de xuño.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a case 12,4 millóns de euros a razón de 5,5 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,14 millóns para a adquisición –por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a dito fondo.

Prema no enlace para acceder a máis información: Axudas libros e material escolar