ORDE do 9 de marzo de 2018 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2018.

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento MR506A, MR506B).

 

  1. a) Liña A. Prestar información e asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.

1º. Contratación de técnicos e especialistas en apicultura para a información e asistencia técnica aos apicultores das agrupacións apícolas na sanidade apícola, loita contra agresores da colmea, así como o asesoramento global na produción.

Poderá subvencionarse a contratación dun máximo de dous técnicos por asociación, sendo necesariamente o primeiro deles un licenciado en veterinaria.

A axuda para a contratación de técnico veterinario poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

A axuda para a contratación doutros técnicos titulados poderá ser de ata o 70 % do seu custo, cunha limitación de 21.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 48.000 euros.

2º. Organización e celebración de cursos e xornadas de formación de apicultores, formación continuada dos técnicos e especialistas das agrupacións e asociacións de apicultores. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

3º. Sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

  1. b) Liña B. Loita contra as agresións e enfermidades da colmea, en particular contra a varroase.

1º. Adquisición de tratamentos quimioterápicos e/ou tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo, cun máximo de 4 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

2º. Sobrealimentación das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo co límite de 2 euros por colmea. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda establecida na liña B.1º anterior.

3º. Renovación e purificación de cera. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 6 euros por colmea. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda establecida na liña B.1º.

  1. c) Liña C. Racionalización da transhumancia.

1º. Adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte. Material para o manexo das colmeas: guindastres, mallas de cobertura, cambio de colmeas para obter meles monoflorais, sistemas móbiles de extracción de mel e outros útiles e equipamento necesario para facilitar a transhumancia, con excepción de vehículos de transporte, combustible, produtos para a alimentación das abellas e cera. Poderá subvencionar ata o 70 % do seu custo.

2º. Sistemas de protección ou vixilancia antirroubo ou de xeolocalización integrados nos cadros das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

3º. Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas. Serán subvencionables soportes para illar colmeas, traballos e utensilios de roza, peches portátiles para a protección dos asentamentos fronte a depredadores e aqueles outros que a xuízo do órgano xestor sexan compatibles con esta liña. Non será subvencionable a realización de traballos con maquinaria pesada para o movemento de terras. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

4º. Cota de subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas, sempre que as pólizas non cubran garantías xa incluídas no sistema de seguros agrarios combinados. A esta liña poderán acollerse tamén os apicultores con colmeas estantes. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo cun límite de 0,5 € por colmea asegurada.

  1. d) Liña E. Medidas de apoio á repoboación dos efectivos apícolas españois.

1º. Cría de raíñas de razas autóctonas para reposición de baixas, sempre que se cubran as necesidades financeiras para atender as solicitudes da medida anterior.

2º. Investimentos para a cría de raíñas (núcleos de fecundación, incubadoras, material para inseminación artificial de raíñas).

Para os 2 casos, poderá subvencionarse ata o 50 % do custo de actuación, cun límite máximo de 5 € por colmea.

  1. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de Explotacións Apícolas de Galicia, segundo a declaración censual efectuada correspondente ao ano 2017.
  2. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de agosto do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de xullo de 2018, ambos inclusive, período de duración da campaña apícola de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás axudas ao sector da apicultura.

Beneficiarios e requisitos

  1. Poderán optar ás axudas:
  2. a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida mencionadas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  3. b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).
  4. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:
  5. a) Estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2018, fóra daqueles titulares que adquirisen a dita titularidade ante o falecemento, xubilación ou incapacidade laboral do titular, sempre que o novo titular adquira a titularidade por sucesión, xubilación ou incapacidade laboral do anterior e fose parente, como máximo, en cuarto grao daquel. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.
  6. b) Realizar, polo menos, un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
  7. c) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.
  8. d) Cumprir as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.
  9. e) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.
  10. f) Ter realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2017.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas ao seu titular.

  1. Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas colmeas, ben a título individual, ben como integrante dunha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 24 de abril de 2018.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180323/AnuncioG0426-090318-0002_gl.html