XORNADA TÉCNICA “EMPRESA, TALENTO E CREATIVIDADE. PRÁCTICAS PARA DIFERENCIARSE NA ERA DIXITAL”
11/04/2018
RESPONSABILÍZATE
13/04/2018
Amosalo todo

AXUDAS PARA O PAGAMENTO DE COMPROMISOS SILVOAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS E DE CONSERVACIÓN DE BOSQUES

ORDE do 3 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 das axudas para o pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos e de conservación de bosques, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 da aplicación das axudas correspondentes ás operacións da submedida 15.1: Pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos (procedemento MT805A).
Estas axudas consisten nun pagamento anual por hectárea, durante un período de 6 años, para compensar as persoas beneficiarias que se comprometan voluntariamente a levar a cabo operacións consistentes en cumprir un ou varios compromisos silvoambientais e climáticos, pola totalidade ou parte dos custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.
As axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras teñen unha dobre finalidade: por un lado, a conservación e recuperación do bosque natural, substituíndo as formacións existentes de eucaliptais por formacións nativas e, por outro, a mellora do estado de conservación das zonas de turbeiras e queirogais húmidos, coa eliminación de plantacións de eucaliptos.
Persoas beneficiarias
Poden ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro, cando sexan propietarias, arrendatarias ou xestoras de terreos forestais, así como as comunidades de montes veciñais en man común.
Actividades subvencionables
1. Considéranse subvencionables as perdas de ingresos e custos adicionais derivados dos compromisos adquiridos en relación coas seguinte actividades:
a) Substitución de eucaliptos por frondosas (Quercus spp. e Betula alba).
b) Eliminación de eucaliptos en zonas de turbeira e queirogais húmidos.
2. A superficie subvencionable aparecerá recollida como de uso forestal no Sixpac.
a) No caso de substitución de eucaliptos por frondosas, debe estar plantada con eucaliptos polo menos nunha porcentaxe do 50 % do recinto Sixpac, cunha densidade mínima de 500 plantas/hectárea. A superficie mínima obxecto de axuda será se 1.000 m2.
b) No caso de eliminación de eucaliptos en zona de turbeiras e queirogais húmidos, debe estar plantada nunha porcentaxe do 30 % do recinto Sixpac, cunha densidade mínima de 100 plantas/ha. A superficie mínima obxecto da axuda será de 1.000 m2.
3. Non se considera subvencionable a substitución de eucaliptos naqueles terreos que teñan a consideración de terreo agrícola, aqueles que fosen implantados sen a preceptiva autorización ou aqueles que estean dentro do período de mantemento dunha medida de forestación.
4. As actuacións obxecto da subvención deberanse axustar á lexislación vixente e, en particular, a persoa interesada deberá contar coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puider resultar de aplicación. No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
5. En ningún caso serán subvencionables aquelas actuacións que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2007-2013 ou PDR 2014-2020, salvo que transcorresen máis de 5 anos desde o último pagamento.
6. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda.
Importe da axuda
A axuda consiste nunha prima por hectárea de superficie na cal se realiza un cambio de especie ou se elimina o eucalipto, segundo o caso. O importe anual consiste nunha prima de 500 €/ha durante os 5 primeiros anos e de 200 €/ha durante o sexto ano.

O prazo de presentación da solicitude finalizará o 30 de abril de 2018.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180411/AnuncioG0422-030418-0009_gl.html