ORDE do 30 de abril de 2018 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, e convocar estas axudas para o ano 2018 (código do procedemento BS306B).

A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Áreas de atención prioritaria

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

  1. a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
  2. b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
  3. c) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
  4. d) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
  5. e) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
  6. f) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
  7. g) Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
  8. h) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
  9. i) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

 Requisitos

As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).

Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano, excepto no suposto de ter renunciado expresamente en prazo. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do que formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 21.j) en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño,

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 18 de xuño de 2018.

 

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180516/AnuncioG0425-040518-0002_gl.html