PROGRAMA EMEGA

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:

  1. a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
  2. b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.
  3. c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico. As ditas medidas, en ningún caso, poderán supor destrución do emprego existente por conta propia e allea.
  4. d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
  5. e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
  6. f) Dual: axuda complementaria para incentivar a participación no programa de titorización que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria a través das liñas Emprende, Activa, Innova ou ITEF.

Réxime de minimis

As axudas establecidas nesta resolución quedan sometidas ao réxime de minimis, non poderán concederse ás empresas, actividades e supostos seguintes:

  1. a) Empresas que operan no sector da pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) número 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.
  2. b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
  3. c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes: c.1) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas; c.2) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.
  4. d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
  5. e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas (microempresa ou pequeña empresa) formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos.

 

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 6 de agosto de 2018.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180704/AnuncioG0244-250618-0002_gl.html