ORDE do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).

Persoas beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias/os autónomas/os e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
  2. a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en educación infantil.

2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

  1. b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
  2. c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
  3. d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
  4. e) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

Tipos de axuda e contías

  1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.
  2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente no ano 2018 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180801/AnuncioG0425-190718-0001_gl.html