ORDE do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019 (O código do procedemento é o BS212A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Características do proxecto

  1. A casa do maior, como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida, ofrecerá unha atención integral e personalizada a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de tal modo que se procure o seu mantemento no medio social habitual evitando o internamento en institucións cando isto non sexa o desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar no que se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia da persoa usuaria.
  2. Este proxecto piloto desenvolverase, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, no que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.
  3. Salvo as excepcións previstas no punto anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.
  4. A atención prestada comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.
  5. Os maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función deste, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.
  6. Cada casa do maior terá un máximo de cinco prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroa/as no concello en que esta se situase ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención ás persoas maiores de acordo co establecido no artigo 1 desta orde.

  1. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda a un mínimo de dous maiores, número mínimo que non poderá reducirse.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a ocupación efectiva dela.

 

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 8 de outubro de 2018.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180907/AnuncioG0425-290818-0001_gl.html