ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas para o período 2019-2023, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2019.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas no programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2019. O código do procedemento é MR361A.

Actuacións, operacións e gastos subvencionables

Serán admisibles as operacións relativas a investimentos tanxibles ou intanxibles que axuden a acadar, polo menos, un dos obxectivos estratéxicos seguintes:

  1. a) Fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario.
  2. b) Fomentar a sustentabilidade integral das industrias nos seus ámbitos económico, social e ambiental.
  3. c) Fomentar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos.
  4. d) Fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas.
  5. e) Fomentar a produción ecolóxica.
  6. f) Fomentar os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade.
  7. g) Favorecer o incremento da dimensión empresarial.
  8. h) Favorecer a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor.
  9. i) Fomentar os investimentos en comercialización.
  10. j) Fomentar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións.
  11. k) Impulsar a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas (Industria Conectada 4.0).

Para a consecución dos ditos obxectivos estratéxicos, en cada operación deberán identificarse un ou varios dos obxectivos xerais cuxa relación non exhaustiva se presenta no anexo I. No suposto de que algún dos obxectivos xerais dunha operación concreta non se encontre recollido nesta relación, o dito obxectivo deberá ser especificado polo solicitante.

Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

  1. a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.
  2. b) Compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto.
  3. c) Custos xerais vinculados aos gastos mencionados nas letras a) e b), tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, así como estudos de viabilidade, co límite do 8 % do orzamento aprobado para a operación de investimento.
  4. d) A adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e a adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xaneiro de 2019.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190114/AnuncioG0426-211218-0001_gl.html