RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.
Proxectos obxecto de apoio
Serán subvencionables os proxectos de investimento en activos fixos que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:
1. Creación dun novo establecemento.
2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel.
4. Transformación fundamental do proceso global de produción dun establecemento existente. Estes proxectos suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes). Deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia para desenvolver algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases.
b) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
Actividades subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados para o desenvolvemento de actividades relacionadas no anexo II destas bases, excluíndose as seguintes:
a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
b) As actividades de produción e comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea en produtos agrícolas enumerados no dito anexo I.
c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector do transporte, así como as infraestruturas conexas e a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
2. Nas actividades de prestación de servizos en que así se prevexa no anexo II destas bases, deberase acreditar que máis do 50 % da súa cifra neta de negocios, no exercicio anterior ao da solicitude, foi facturado a empresas industriais.
3. No sector da hostaleira só serán subvencionables:
– Os novos establecementos coas seguintes categorías mínimas: hoteis de catro estrelas, cando os novos establecementos estean situados nos termos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago ou Ferrol, e hoteis de tres estrelas no resto de localizacións.
– En establecementos hoteleiros xa existentes, os investimentos necesarios para incrementar a categoría ata acadar, como mínimo, as indicadas no parágrafo anterior.
4. Serán subvencionables, así mesmo, os proxectos de carácter innovador levados a cabo por pemes que desenvolvan calquera actividade, excepto as relacionadas nas letras a), b) e c) do punto 1 do presente artigo. Para estes efectos, para que a actividade poida considerarse subvencionable, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Innovación (Gain) que acredite o carácter innovador do proxecto. No caso de que a actividade se considere subvencionable de acordo co establecido nos puntos 1, 2 e 3 anteriores, o informe da Axencia Galega de Innovación non será preceptivo.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) O 30 de decembro de 2019.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190118/AnuncioO92-191218-0001_gl.html