ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove durante o ano 2019 e se procede á súa convocatoria.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Áreas de atención prioritaria
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
d) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
e) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
f) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
g) Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
h) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
i) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
Requisitos
1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 5 de marzo de 2019.
O código do procedemento é BS306B.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190204/AnuncioG0425-220119-0003_gl.html