ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019 (procedemento MR446A).
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación. Así mesmo, no marco do Programa nacional de apoio ao sector vitivinícola 2019-2023 (PASVE 2019-2023) poderán acollerse a estas axudas os futuros viticultores definidos no artigo 2.c) desta orde.
Requisitos das persoas beneficiarias
Os requisitos que deberán cumprir as persoas beneficiarias son:
1. Só poderán figurar nun único plan, agás que a reestruturación e/ou reconversión se leve a cabo en distintas provincias.
2. Deberán ter presentada a declaración de colleita de uva da campaña anterior, agás que non tivesen a obriga de presentala.
3. Ter inscritas ao seu nome no RVG as parcelas de viña e/ou as resolucións de arrinca, autorizacións de replantación, dereitos de replantación e/ou autorizacións de plantación por conversión de dereitos que se van incluír nos plans ou, na súa falta, antes do remate do prazo de solicitude destas axudas, presentar as correspondentes solicitudes para a concesión de autorización de plantación por conversión e/ou de replantación, e sempre antes da caducidade das ditas autorizacións que se vaian incluír nestes plans.
4. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Cumprir a normativa nesta materia e, en particular, o novo réxime de plantacións de viña, conforme ao Real decreto 1338/2018, do 29 de outubro.
6. As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles (anexo I), que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Tamén deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte a aquela en que solicite o pagamento final.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 11 de marzo de 2019.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190208/AnuncioG0426-090119-0002_gl.html