ORDE do 4 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR349R).

Coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, e proceder á convocatoria para o ano 2019 dos incentivos á súa contratación por conta allea.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  1. a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas de longa duración.
  2. b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 16 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190320/AnuncioG0424-060319-0002_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR349R