ORDE do 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

  1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2019, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
  2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial, a contratación temporal cunha duración inicial mínima de 12 meses e formación por conta allea (procedemento TR349T).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  1. a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
  2. b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190409/AnuncioG0424-280319-0001_gl.html