RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2019 (código de procedemento SI429A).
O programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.
c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.
d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e os requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución.
• Requisitos comúns: artigo 5.2.
• Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos: artigo 6
• Liña Innova: requisitos específicos e contía dos incentivos: artigo 7
• Liña Activa: requisitos específicos e contía dos incentivos: artigo 8
• Liña ITEF: requisitos específicos e contía dos incentivos: artigo 9
• Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos: artigo 10

O prazo de presentar as solicitudes remata o 5 de agosto de 2019.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190705/AnuncioG0244-260619-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI429A&ano=2019&numpub=1&lang=es