Nos vindeiros días terá lugar un congreso sobre emprego, do que se informa ao final do post, no que un dos temas que se aborda é a idade, o talento senior e o edadismo ante o emprego. Son temas que nunha comarca como é Verín se teñen en conta nos procesos de orientación, polas características demográficas da poboación.

Dende o servizo de Orientación Laboral da Mancomunidade de Verín, abordamos a idade como un factor de empregabilidade baseándonos nos seguintes piares de traballo:

Escoitar a percepción que ten a persoa que busca emprego da súa idade. Ademais da percepción social da idade, a valoración que fai a persoa da súa idade é importante para saber onde se sitúa respecto ao mercado laboral.

Incluir no proceso as emocións asociadas ao factor idade e ao momento vital, traballando especialmente sobre aquelas que poidan dificultar o proceso de orientación e de busca de emprego. Unha percepción negativa da idade pode traer emocións que entorpecen a toma de decisións. A psicoloxía evolutiva provee de base teórica nos que as emocións e a idade se poden integrar de maneira práctica no proceso de desenvolvemento da persoa na idade adulta e madura.

Identificar a bagaxe competencial da persoa, máis alá do curriculum vitae ou da vida laboral, unha persoa adulta ten desenvolvidas unha serie de competencias tanto técnicas relacionadas co posto de traballo como tranversais, que fan que se comporte dunha ou doutra maneira ante situacións complexas. Ao longo do proceso de análise de competencias, as persoas desenvolven estratexias de identificación das habilidades, coñecementos e ferramentas que forman parte da súa bagaxe.

Analizar o entorno no que a persoa quere buscar traballo, contrastando as oportunidades que se xeran nese entorno cos posibles obxectivos da persoa e ubicando o factor idade no lugar que lle corresponde en canto a requerimentos para un posto de traballo, tendo en conta que outros factores como experiencia, formación ou habilidades transversais serán nunha gran parte dos casos os que determinen o éxito no posto de traballo, fronte a idade.

Acompañar a persoa no desenvolvemento de habilidades TIC, para minimizar o impacto da brecha dixital nas persoas que desenvolveron  unha gran parte da súa vida laboral sen que a tecnoloxía fose fundamental no traballo.

Tanto no proceso de busca de emprego como no propio posto de traballo a tecnoloxía está presente, polo que cando se realiza a busca de emprego utilizando medios dixitais (correo, redes sociais profesionais, ou plataformas especializadas) estanse desenvolvendo competencias para o posto de traballo obxectivo.

Realizar prospección e sensibilización no mercado laboral a través do traballo en rede, da participación e accións comunitarias, e do contacto continuo con empresas, o servizo de orientación laboral mantén unha estreita comunicación co tecido empresarial e social da comarca para tomarlle o pulso ao mercado laboral en cada momento en detectar os factores de empregabilidade clave.

Na prospección de empresas ponse sempre o foco na bagaxe competencial das persoas, e na sensibilización, os factores de discriminación como sexo, orixe ou idade.

Acompañar na toma de decisións e no proceso de mellora da empregabilidade: a través da cualificación ou recualificación para mellora do perfil profesional , a activación de estratexias para achegarse ao mercado laboral, a planificación e sistematización na procura de emprego, e o acompañamento no proceso, sempre favorecendo a autonomía da persoa.

21 CONGRESO INTERNACIONAL GALICIA/NORTE DE PORTUGAL DE FORMACIÓN PARA O TRABALLO

Poboación produtiva maior: a formación e a orientación na empregabilidade e mobilización do talento senior fronte ao edadismo no emprego

A información e inscrición pódese realizar no seguinte enlace: https://sites.google.com/view/19congresogalicianorteportugal/inicio