RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU503A).

  1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
  2. a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
  3. b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
  4. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020.
  5. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.

3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.

3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.

  1. O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que adapte o proxecto que se vai executar ao citado límite.

Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.

  1. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se for o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.

Gastos subvencionables

  1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
  2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
  3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:
  4. a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
  5. b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, como menaxe de cociña e comedor (vaixela, xogo de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios).
  6. c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría, …).
  7. d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
  8. e) Gastos de conectividade.
  9. f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
  10. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
  11. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores (40.000 euros no caso de obras e 15.000 euros no caso de subministracións, excluído en ambos os dous casos o IVE), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da obra, ou a adquisición do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado un número suficiente de entidades que as realicen ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

 

O prazo de presentación de solicitudes rematará 30 de decembro de 2019

 

Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

  1. a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions
  2. b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU503A.
  3. c) Os teléfonos 981 54 63 64 e 981 54 74 04.
  4. d) Enderezo electrónico: turismo@xunta.gal

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191128/AnuncioG0256-191119-0001_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TU503A&ano=2019&numpub=1&lang=es