RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408C).

  1. Serán subvencionables os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:
  2. a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou a venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
  3. b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non serán subvencionables os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 75 % da facturación da infraestrutura.
  4. c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
  5. d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
  6. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.
  7. O investimento subvencionable deberá ser inferior a 20.000.000 de €.

Beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima e se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta, sen posibilidade de executar actividades non relacionadas con ela.

Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable.
  2. b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
  3. c) Que conten cun mínimo de tres socios e que polo menos tres socios teñan unha participación superior ou igual ao 10 %. Se algún dos socios empresariais non é unha peme, a súa participación deberá ser inferior ao 25 %.
  4. d) Que conten con acordos societarios elevados a públicos que aseguren o cumprimento destas condicións no caso de transmisión da propiedade durante o período de mantemento do investimento definido no artigo 15.a) destas bases.
  5. e) Que teñan sede social en Galicia.
  6. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
  7. a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, segundo o artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014.
  8. b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
  9. c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014. As empresas solicitantes deberán cubrir no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
  10. d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
  11. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise.
  12. Co fin de facilitar o acceso á axuda, permitirase que esta poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión, tal e como se describe no artigo 7.

Investimento subvencionable

  1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura subvencionada, que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, e que se materialicen nos seguintes conceptos:
  2. a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante ou sobre os cales o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
  3. b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda o 10 % do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou a finalidade da operación, cando o valor de mercado do solo exceda o valor de mercado da edificación no momento da compra.
  4. c) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
  5. d) Outros investimentos en activos fixos materiais, incluíndo o mobiliario.
  6. e) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os seguintes requisitos:

1º. Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.

2º. Deben ter a consideración de activos amortizables.

3º. Deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado.

4º. Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

  1. f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
  2. Os bens de equipamento adquiridos deberán ser novos ou cumprir os requisitos para a súa admisión establecidos na Orde HFP/1979/2016:

– Que os bens non fosen obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.

– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, o cal deberá acreditarse mediante certificación de taxador independente.

  1. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser realizados con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendendo por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

  1. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.
  2. O beneficiario deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.

No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deben constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

  1. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
  2. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.
  3. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017, de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.
  4. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

 

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 9 de marzo de 2020.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200108/AnuncioO92-161219-0001_gl.html