ORDE do 21 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349R).

Coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, e proceder á convocatoria dos incentivos á súa contratación por conta allea para o ano 2020.

  1. Por medio desta orde as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial, para a contratación temporal cunha duración inicial de 12 meses e para a formación (código procedemento TR349R).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  1. a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas de longa duración.

Contía dos incentivos

  1. As contratacións indefinidas iniciais realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 10.000 euros por cada persoa desempregada parada de longa duración contratada que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.

No caso de contratacións na modalidade de fixos-descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.

  1. As contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada parada de longa duración que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.
  2. As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se a persoa desempregada parada de longa duración contratada é maior de 45 anos.

– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Se a persoa traballadora contratada é unha persoa emigrante retornada.

– Se é unha persoa trans.

– Se é unha empresa con mais de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.

– Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante. En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

  1. b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase no caso dos contratos indefinidos iniciais cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal inicial cunha duración mínima de doce meses e que en ambos os dous casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e o 8 de xaneiro de 2020 deberán presentarse antes do 9 de marzo de 2020 (inclusive).

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde (9 de xaneiro de 2020) deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200107/AnuncioG0424-031219-0005_gl.html

https://sede.xunta.gal/buscador?c=&termo=TR349R