RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2020 (código de procedemento MR302A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que, baixo calquera fórmula xurídica, reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que participen nun réxime de calidade susceptible de apoio pola submedida 3.10, para accións de promoción e información no mercado interior relacionadas con produtos cubertos por algún deses réximes.

Actividades subvencionables

  1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción en que o fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.
  2. As actividades a que se refire o parágrafo 1 anterior resaltarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

No caso dos viños e bebidas espirituosas, nas actividades de información e promoción deberá facerse sempre clara referencia ás exixencias legais e regulamentarias aplicables ao consumo responsable destas bebidas alcohólicas e ao risco que supón o abuso do consumo de alcohol.

Gastos subvencionables

  1. Considéranse subvencionables os gastos realizados nas seguintes actividades:
  2. a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou de produtos amparados conforme o Regulamento (UE) núm. 1151/2012 por unha denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) ou especialidade tradicional garantida (ETG), aparecerá en todo o material informativo, promocional ou publicitario o logotipo comunitario identificador destes.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe, cos límites máximos que se establecen no anexo III. En todo caso, nestes produtos non se empregarán marcas comerciais.

  1. b) Feiras e exposicións.

1º. Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos poderá acumulalos todos nun único expediente, pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (alugamento de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. No caso de accións desenvolvidas no estranxeiro poderá admitirse adicionalmente o gasto relativo a unha persoa de atención ao público que poida actuar de intérprete.

2º. Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. Ao igual que no punto anterior, cando se trate de distintos eventos poderá acumulalos nun único expediente coas especificacións sinaladas.

  1. c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos co fin de chamar a atención das persoas consumidoras sobre as súas características ou vantaxes específicas para inducir a estas a adquirilos.

  1. Para os efectos da moderación de custos, no anexo III recóllense importes máximos de gasto subvencionable para determinadas actuacións relacionadas coas actividades que poden beneficiarse das axudas reguladas nesta resolución. Así mesmo, e con ese mesmo obxectivo, en concepto de prestación de servizos de coordinación e organización, para cada acción non se admitirán gastos por riba do 10 % do seu custo total.
  2. Poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa obxecto de axuda e se produza con posterioridade á solicitude desta.
  3. Segundo o disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, o imposto sobre o valor engadido, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE, non será subvencionable.

 

O prazo de presentación de solicitudes rematao 17 de febrero de 2020

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200115/AnuncioG0528-261219-0001_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR302A&ano=2019&numpub=1&lang=es