ORDE do 5 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento TR802G e TR802J).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Establécense os seguintes programas de axudas:

  1. a) Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

  1. Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:
  2. a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
  3. b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.
  4. c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.

A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención. Para os efectos do incremento do emprego, non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais, nin as persoas socias en situación de proba.

  1. Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
  2. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade, como mínimo, o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.

  1. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas cales se obtiveron as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias,. Estas limitacións non se aplicarán no caso de que a incorporación anterior fose como persoa socia a proba.
  2. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
  3. En todo caso, as cooperativas ou sociedades laborais deberán acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.
  4. b) Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Persoas beneficiarias e condicións para a obtención da subvención

  1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:
  2. a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
  3. b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
  4. c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
  5. d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
  6. e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.
  7. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obteren subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.
  8. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, a respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
  9. No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender, como mínimo, o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua sempre que a ocupación acade, como mínimo, o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.

  1. Ningunha persoa poderá ser beneficiaria de máis dunha subvención das previstas neste programa. De recibirse máis dunha solicitude dunha mesma persoa, unicamente se dará validez á presentada en primeiro lugar en calquera dos sitios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no se admitirán as restantes.

Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas que tiveron a condición de socias na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse esta subvención a persoas que obtivesen unha subvención para financiar a achega ao capital social de cooperativas ou sociedades laborais durante os últimos cinco anos, agás no suposto sinalado no artigo 28.1.e).

  1. No caso das subvencións para acceso á condición de persoa socia traballadora, será necesario acreditar a viabilidade do proxecto empresarial a que se incorpora a persoa solicitante mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa.
  2. No caso das subvencións para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, será necesario acreditar a viabilidade da actividade económica que a persoa realizará por conta propia mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa.
  3. No caso de cooperativas, o importe da subvención será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao fondo de reserva obrigatorio. No caso das sociedades laborais, o importe das subvencións será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2020.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200110/AnuncioG0424-161219-0012_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR802G&ano=2019&numpub=1&lang=gl

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR802J&ano=2019&numpub=1&lang=gl