Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas (TR349F)

ORDE do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedementos TR349F).

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2020 dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Por medio destes bonos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial e para a formación (código de procedemento TR349F). Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  1. a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
  2. b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Persoas beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
  2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
  3. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e o 3 de febreiro de 2020 deberán presentarse antes do 3 de abril de 2020 (inclusive).

Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde (4 abril de 2020) deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020.

Bono de incentivos á contratación de persoas desempregadas

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Requisitos

  1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
  3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
  4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
  5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Contía dos incentivos

  1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:
  2. Primeira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 4.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 6.500 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

  • Persoas desempregadas de longa duración.
  • Persoas con discapacidade.
  • Persoas en situación ou risco de exclusión social.
  1. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 6.500 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 9.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

  • Persoas desempregadas de longa duración.
  • Persoas con discapacidade.
  • Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

  1. a) Se a persoa incorporada é unha muller.
  2. b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
  3. c) Persoas maiores de 45 anos.
  4. d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
  5. e) Persoas trans.

Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:

– Para a primeira persoa traballadora indefinida 14.625 €.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 20.250€.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.

  1. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Bono de incentivos á formación

Accións subvencionables e requisitos

  1. As persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
  2. a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar na sección 2º desta convocatoria.
  3. b) En canto a duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
  4. c) Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.
  5. d) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2020.
  6. e) Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
  7. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase, no caso das contratacións indefinidas inicias cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido que en ambos casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200203/AnuncioG0424-140120-0020_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR349F&ano=2020&numpub=1&lang=gl