AXUDAS Á NOVA PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES EN RÉXIMES DE CALIDADE
RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR362A).
Definicións
1. Para os efectos desta resolución, establécense as seguintes definicións:
a) Agricultor/a: a persoa física ou xurídica, titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e que cumpra coa condición de agricultor activo segundo o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.
b) Réximes de calidade: os establecidos nos seguintes regulamentos europeos:
1º. Produción agrícola ecolóxica, regulada a través do Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo que se derroga o Regulamento (CEE) núm. 2092/91.
2º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.
3º. Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viños, reguladas na parte II, título II, capítulo I, sección 2, do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a OCM dos produtos agrarios.
4º. Indicacións xeográficas de bebidas espirituosas reguladas no Regulamento (CE) núm. 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2008, relativo á definición, designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e polo que se derroga o Regulamento (CEE) 1576/89 do Consello.
5º. Indicacións xeográficas de produtos vitivinícolas aromatizados reguladas no Regulamento (UE) núm. 251/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre a definición, descrición, presentación, etiquetaxe e protección das indicacións xeográficas dos produtos vitivinícolas aromatizados e polo que se derroga o Regulamento (CEE) núm. 1601/91 do Consello.
2. Nestes réximes de calidade inclúense tamén os correspondentes ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que aínda non están definitivamente inscritas no correspondente rexistro comunitario, pero que teñen xa enviada á Comisión Europea a documentación para a inscrición e contan xa coa protección nacional transitoria.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) no apartado de definicións e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.
Gastos subvencionables e contía das axudas
1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.
No caso das persoas beneficiarias por comezaren nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.
3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de maio de 2020.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-161219-0001_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR362A&ano=2020&numpub=1&lang=es