Axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.
RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR331A).
Entidades beneficiarias das axudas e outros axentes cooperantes
1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das subvencións obxecto da presente resolución:
a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.
b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
Non poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente resolución os centros de investigación e experimentación e os centros tecnolóxicos.
2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, e poderá adquirir tal condición as seguintes entidades:
a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades (ambas as dúas sen ánimo de lucro) dedicadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura, así como á transformación do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación.
c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
d) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.
e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación, excepto no caso de produtores primarios que acrediten a súa participación activa no proxecto.
3. Na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous axentes e, cando menos un deles deberá ser un dos indicados no punto 1 deste artigo e o outro, un dos axentes cooperantes a que se fai referencia no punto 2 deste mesmo artigo.
Actividades subvencionables
1. As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:
a) Xestión sustentable das recursos naturais.
• Sistemas de produción agro-silvopastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados, centrados nas áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandería de vacún, ovino e cabrún; pasteiros, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).
• Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sustentable de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o medio, en concreto no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.
• Xestión de recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sustentable e eficiente na rega de cultivos, control de canais e prevención de inundacións.
• Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrientes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais pola agricultura galega.
• Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.
• Mitigación do cambio climático nas explotacións agrarias para fomentar o paso a unha economía baixa en carbono, lograr mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitar o uso de fontes renovables de enerxía.
• Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sustentables e con reducido impacto ambiental.
b) Sistemas agrarios de produción.
• Aumento da sustentabilidade e competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúense o desenvolvemento e a obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.
• Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica, que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto a súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, malas herbas e axentes patóxenos.
• Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sustentable en sanidade vexetal.
• Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.
• Mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (gran e forraxe) para alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos.
• Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos sistemas de produción agraria.
• Mellora e extensión dos métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sustentabilidade e seguridade da produción alimentaria.
c) Industria agroalimentaria.
• Tecnoloxías de creación de valor no marco dun sector agroindustrial sustentable e competitivo, orientado á obtención de produtos seguros e saudables.
• Tecnoloxías para asegurar a calidade e autenticidade alimentaria.
• Mecanismos e procedementos para a redución do consumo de enerxía e a optimización dos procesos de control para lograr un procesamento de alimentos máis sustentable e competitivo.
• Produción de alimentos tradicionais en pequenas e medianas empresas (en diante pemes) alimentarias, relacionadas cos beneficios da dieta atlántica galega.
• Biodispoñibilidade de constituíntes funcionais de alimentos en produtos vexetais e animais e a súa relación cos sistemas de produción extensivos e ecolóxicos.
• Mantemento da actividade biolóxica de ingredientes funcionais durante o procesamento e a conservación de alimentos.
• Busca de novas fontes de ingredientes funcionais adaptadas á realidade produtiva galega, incluído o aproveitamento de subprodutos da industria alimentaria.
• Explotación da diversidade bioquímica das plantas a través do desenvolvemento do concepto de biorrefinaría.
d) Cadea agroalimentaria.
• Tecnoloxías para asegurar a seguridade e a autenticidade na cadea alimentaria.
• Medida da pegada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.
• Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.
e) Bioeconomía.
• Custos de produción dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.
• Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sustentable.
• Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da agricultura galega.
• Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidas especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.
f) Aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación (en diante TIC) ao sector.
2. A duración máxima da iniciativa de cooperación será de tres anualidades e a duración mínima será de dúas anualidades.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de marzo de 2020.
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR331A&ano=2020&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-301219-0001_gl.html