AXUDAS AOS PROXECTOS DE REORGANIZACIÓN PRODUTIVA DAS EMPRESAS GALEGAS PARA A FABRICACIÓN DE EQUIPAMENTO SANITARIO

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

Co obxectivo de que as empresas galegas poidan reorganizar a súa produción cara a fabricación urxente de material sanitario e de protección, a Xunta vén de aprobar unha liña de axudas dotada con 2,5 millóns de euros e cofinanciada a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. O programa impulsará a reorganización produtiva para facer fronte á emerxencia sanitaria.

As axudas, de ata 100.000 € en concorrencia non competitiva, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as pemes para adaptar a súa produción á fabricación dos seguintes materiais: téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas e pantallas de protección persoal), kits e consumibles de diagnose, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de intervención ou tratamento, ventiladores e as súas compoñentes, elementos para a desinfección e outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o Covid-19 ou o tratamento da enfermidade.

Os proxectos que opten aos apoios terán que ser validados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario, posto en marcha pola Xunta para coordinar a fabricación en Galicia de equipos de protección individual (EPI) e outros produtos necesarios co obxectivo de contribuír a paliar a insuficiencia de medios de seguridade.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200415/AnuncioO92-130420-0001_gl.html

http://www.igape.es/gl/base-xeral-de-axudas/ficha/IGAP394

informa@igape.es e teléfonos 900 81 51 51 – 981 54 11 47