RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2020 pola que se invitan as empresas e outros operadores económicos para que manifesten o seu interese de acceder a unha liña de axudas aos investimentos para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19.

PRIMEIRO

  1. As axudas aos investimentos concédense para a produción de produtos relacionados co COVID-19, como os medicamentos (incluídas as vacinas) e os tratamentos, os seus produtos intermedios, os ingredientes farmacéuticos activos e as materias primas necesarias para a súa produción; de produtos sanitarios, equipamentos hospitalarios e médicos (incluídos os respiradores, a roupa e o equipamento de protección e as ferramentas de diagnóstico) e as materias primas necesarias para a súa produción; dos desinfectantes e os seus produtos intermedios, así como das materias primas químicas necesarias para a súa produción; e das ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.
  2. As axudas en forma de subvencións directas poden concederse, como máis tarde, o 31 de decembro de 2020.
  3. Para os proxectos iniciados a partir do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador. Para os proxectos iniciados antes do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador se é necesaria para acelerar ou ampliar o alcance do proxecto; en tales casos, só se poderá solicitar a axuda para sufragar os custos adicionais relacionados cos esforzos de aceleración ou ampliación do alcance.
  4. O proxecto de investimento deberá completarse nos seis meses seguintes á data de concesión da axuda. Un proxecto de investimento considérase completado cando as autoridades nacionais o aceptan como tal. No caso de que non se cumpra o prazo de seis meses, por cada mes de atraso reembolsarase o 25% do importe da subvención directa concedida.
  5. Os custos subvencionables refírense a todos os custos de investimento necesarios para a produción dos produtos enumerados no punto 1 anterior e aos custos dos ensaios en liña das novas instalacións de produción.
  6. A intensidade de axuda non superará o 80 % dos custos subvencionables, nin o importe de axuda excederá os 800.000 € por empresa por todos os conceptos de axuda global amparados no referido marco temporal. No caso de que a empresa pertenza ao sector da pesca e acuicultura, o anterior límite é de 120.000 € e, se a empresa pertence ao sector da produción primaria, o límite é de 100.000 €.
  7. A intensidade máxima da axuda admisible en porcentaxe da subvención directa pode incrementarse en quince puntos porcentuais adicionais se o investimento conclúe nos dous meses seguintes á data de concesión da axuda, ou se o apoio procede de máis dun Estado membro.
  8. A axuda no marco desta medida non poderá combinarse con outras axudas ao investimento polos mesmos custos subvencionables.
  9. Non se pode conceder a axuda ás empresas que se atopasen en situación de crise en 31 de decembro de 2019, segundo a definición de empresa en crise recollida no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

SEGUNDO

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo de catro días hábiles desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que as pemes que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían levar a cabo e suxestións sobre o marco de axudas que empregarán.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Investimento) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

https://sede.xunta.gal (servizo PR004A – Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1 – Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

TERCEIRO

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

CUARTO

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200423/AnuncioO92-220420-0001_gl.html