AXUDAS Á APICULTURA

ORDE do 20 de maio de 2020 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e convocalas para o ano 2020 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Finalidade das axudas, contías e límites

  1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñados a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Liña A. Asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.

1º. Liña A.1. Contratación de persoal técnico e especialistas para información e asistencia a apicultores, e membros de agrupacións de apicultores, en aspectos de sanidade apícola, loita contra agresores da colmea, análises de laboratorio, cría e selección, optimización ambiental de explotacións e asesoramento global en produción e xestión apícola, así como en prácticas para a adaptación da apicultura ao cambio climático.

Poderase subvencionar a contratación dun máximo de dúas persoas como persoal técnico por asociación, e a primeira delas será necesariamente unha persoa licenciada en Veterinaria. Para o caso doutro persoal técnico, as titulacións admitidas serán as recollidas no artigo 6, número 5, segundo parágrafo, da presente orde.

A axuda para a contratación de persoal técnico poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros por técnico, e o importe total non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 54.000 euros.

2º. Liña A.2. Organización, realización e asistencia a cursos de formación e formación continuada, especialmente sobre as materias indicadas no punto anterior, para apicultores, persoal técnico e especialistas de agrupacións e asociacións de apicultores, así como para o persoal de laboratorios apícolas de cooperativas, incluídos os desprazamentos.

Poderase subvencionar ata o 90 % do seu custo.

3º. Liña A.3. Medios de divulgación técnica.

b) Liña B. Loita contra as agresións e enfermidades da colmea. Todas as axudas poderán ser solicitadas por apicultores e agrupacións de apicultores, incluídas as cooperativas e cooperativas de segundo grao.

1º. Liña B.1. Tratamentos quimioterápicos contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, seleccionados e aplicados con base na correspondente prescrición veterinaria*.

Poderase subvencionar ata o 80 % do seu custo, cun máximo de 3 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

(*) No caso de produtos exentos de prescrición veterinaria, o tratamento aplicarase conforme as indicacións recollidas na ficha técnica do dito produto.

2º. Liña B.2. Tratamentos contra a varroase autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios que sexan compatibles coa apicultura ecolóxica, seleccionados e aplicados sobre a base da correspondente prescrición veterinaria**, para aqueles apicultores que produzan de acordo coas condicións que establece o Regulamento 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 834/2007 do Consello.

Poderase subvencionar ata o 80 % do seu custo, cun máximo de 3 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

(**) O uso de produtos compatibles con apicultura ecolóxica por parte de produtores de apicultura convencional será financiable baixo a medida B.1.

3º. Liña B.4. Uso de produtos autorizados para a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e renovación e/ou purificación de cera. Esta liña subdivídese en:

  1. a) Liña B.4.1. Uso de produtos autorizados para a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 2 euros por colmea.
  2. b) Liña B.4.2. Renovación e/ou purificación de cera. Poderase subvencionar ata o 50 % do seu custo, co límite de 4 euros por colmea.

Estas axudas só se poderán conceder a aquelas persoas beneficiarias das medidas 1 e/ou 2 da liña B, e sempre que se cubran as necesidades financeiras para asistir as solicitudes das mencionadas medidas B1 e B2.

c) Liña C. Racionalización da transhumancia. Esta liña poderá ter como persoas beneficiarias, para as medidas C.3 e C.4, tanto a apicultura estante como transhumante.

1º. Liña C.1. Adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte. Material para o manexo das colmeas: guindastres, mallas de cobertura, cambio de colmeas para mellorar o seu rendemento, sistemas móbiles de extracción de mel e/ou pole, así como outros utensilios e equipamento necesario para facilitar a transhumancia, con excepción de vehículos de transporte, combustible, produtos para a alimentación das abellas e cera. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.

2º. Liña C.2. Sistemas de protección ou vixilancia antirroubo ou de xeolocalización das colmeas. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.

3º. Liña C.3. Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, incluíndo a incorporación de marxes florais e barbeitos melíferos que inclúan especies florais beneficiosas para a actividade das abellas melíferas e outros polinizadores. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.

4º. Liña C.4. Cota do seguro de responsabilidade civil das colmeas. Poderase subvencionar ata o 50 % do seu custo, cun límite de 0,5 euros por colmea asegurada.

d) Liña E. Medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

1º. Liña E.1. Investimentos para a cría de raíñas (núcleos de fecundación, incubadoras, material para inseminación artificial de raíñas).

2º. Liña E.2. Adquisición de raíñas de razas e/ou subespecies autóctonas para reposición de baixas, sempre que se cubran as necesidades financeiras para asistir as solicitudes da medida anterior.

Para os dous casos, poderase subvencionar ata o 50 % do custo de actuación, cun límite máximo de 5 euros por colmea.

  1. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de Explotacións Apícolas de Galicia, segundo a declaración censual anual obrigatoria correspondente ao ano 2019.
  2. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de agosto do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de xullo de 2020, ambos inclusive, período de duración da campaña apícola, de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás axudas ao sector da apicultura.

Beneficiarios e requisitos

  1. a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  2. b) Cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia, na medida en que os seus integrantes cumpran os requisitos para ser beneficiarios dalgunha ou dalgunhas das axudas recollidas no Programa 2020-2022.

Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. a) Estaren inscritos no Rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2020, fóra daqueles titulares que adquirisen a dita titularidade ante o falecemento, xubilación ou incapacidade laboral do titular, sempre que o novo titular adquira a titularidade por sucesión, xubilación ou incapacidade laboral do anterior e fose parente del en, como máximo, cuarto grao. Así mesmo, exceptúanse do dito requisito os supostos de forza maior.
  2. b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas, para o caso dos apicultores que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
  3. c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula o Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
  4. d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil.
  5. e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.
  6. f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2019 antes do día 1 de marzo do ano en curso.
  7. g) Teren realizada a validación anual do Libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) segundo o recollido no artigo 7, punto 2 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas por parte do seu titular.

  1. Para o caso das cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia, para poderen ser beneficiarias a solicitude de axuda deberá incluír como mínimo 1.500 colmeas.
  2. Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas colmeas, ben a título individual, ben como integrante dunha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores. Non obstante, os apicultores incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa, asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra cooperativa, asociación ou agrupación de produtores. De ser o caso, soamente se terá en conta ese apicultor na solicitude da asociación que o inclúa como beneficiario naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de xuño de 2020

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200527/AnuncioG0426-200520-0001_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR506B&ano=2020&numpub=1&lang=es

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR506A&ano=2020&numpub=1&lang=es