PROGRAMA RE-ACCIONA. AXUDAS AOS SERVIZOS DE DESENVOLVEMENTO ESTRATÉXICO, PROFESIONALIZACIÓN, INNOVACIÓN E ADOPCIÓN DE SOLUCIÓNS DE DIXITALIZACIÓN PARA A SÚA REALIZACIÓN EN EMPRESAS GALEGAS

RESOLUCIÓN conxunta do 18 de maio de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401A).

Servizos obxecto de apoio

  1. A Amtega poderá conceder axudas en especie consistentes na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas integrados nas seguintes categorías:

Adopción de solucións de dixitalización:

– Servizos para a definición dunha estratexia dixital da empresa.

– Definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade para a peme.

– Apoio na adopción de solucións de xestión empresarial en mobilidade.

– Deseño dunha estratexia de márketing de contidos para a peme.

  1. O Igape poderá conceder axudas en especie consistentes na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas integrados nas seguintes categorías:

Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:

– Análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.

– Desenvolvemento de plans de acción e plan transversal.

– Análise do cumprimento normativo e dos riscos legais.

– Mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

– Optimización da produción e cadea loxística.

– Asesoramento para o relanzamento comercial.

Innovación:

– Preparación de procesos certificables.

– Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Protección da innovación.

– Asesoramento para o financiamento da innovación.

  1. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos, ben que non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, agás que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estiver finalizada.
  2. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios. A empresa contratada polo Igape para a prestación do servizo actuará durante todo o proceso como facilitador, achegando a metodoloxía de traballo e asegurando a súa calidade.

Beneficiarios

Para solicitar as axudas para a prestación dos seguintes servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) As solicitantes deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

b) Para o «Servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial», as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo, ou comprometerse a realizalo durante a primeira fase deste. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas no desenvolvemento da estratexia (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

c) Para o «Desenvolvemento de plans de acción e plan transversal», as pemes deben ter desenvolvido previamente un plan estratéxico que dese orixe aos plans de acción que se van desenvolver. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas na execución de plans (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

As condicións relativas ao número de empregados, socios traballadores ou membros do equipo declararase responsablemente no formulario electrónico de solicitude.

 

 

Existen 4 convocatorias, os prazos de presentación de solicitudes serán:

Inicio do prazo Fin do prazo
3 de xuño de 2020 2 de xullo de 2020
6 de xullo de 2020 17 de setembro de 2020
21 de setembro de 2020 5 de novembro de 2020
9 de novembro de 2020 28 de decembro de 2020

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200602/AnuncioO92-220520-0003_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IG401A&ano=2017&numpub=2&lang=es