SUBVENCIÓNS PARA EQUIPAMENTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES E DE AFORRO ENERXÉTICO NAS EMPRESAS DE PRODUCCIÓN AGRÍCOLA

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2021 (código de procedemento IN421L). O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Proxectos de enerxías renovables que se subvencionan

1. Con carácter xeral, serán proxectos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para fomentar a produción procedente de fontes renovables. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables poida identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, por exemplo, como compoñente engadido, facilmente identificable, a unha instalación xa existente, estes custos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables identificaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se tería podido realizar de forma crible sen a axuda. A diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa enerxía procedente de fontes renovables e será o custo subvencionable.

Neste sentido, os equipamentos de xeración eléctrica de centros de traballo conectados á rede eléctrica consideraranse na situación a), así como as instalacións de solar térmica ou solar fotovoltaica que dispoñan dun sistema de xeración de apoio para garantir a produción. Considérase na situación b) o resto de instalacións subvencionables; así, para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede e sen sistema de apoio considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW; e no caso de instalacións de xeración térmicas considérase como investimento menos respectuoso a instalación dun equipamento eléctrico, quentador de GLP ou dunha caldeira de gasóleo cuxo custo se estima en 40 €/kW de potencia térmica nominal, salvo para quentadores de aire, que se estima en 20 €/kW.

Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao medio ambiente. As instalacións de xeración eléctrica tamén deberán cumprir estes mesmos requisitos.

2. No anexo I desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos renovables subvencionables. Para efectos destas bases considéranse enerxías renovables térmicas a biomasa, o biogás, a aerotermia, a xeotérmica e a solar térmica, e considéranse enerxías renovables eléctricas a fotovoltaica e a minieólica.

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se subvencionan

1. Nos proxectos de aforro e eficiencia enerxética considéranse custo elixible os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel mais elevado de eficiencia enerxética. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda; a diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,5 kWh por € de investimento elixible, por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética.

2. No anexo II desenvólvense as distintas tipoloxías de proxectos de aforro enerxético subvencionables.

Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % do custoelixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo, no cal se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

O prazo de presentación das solicitudes remata o 15 de febreiro de 2021                                          

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IN421L&ano=2021&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0474-281220-0003_gl.html