2º PLAN DE RESCATE DE AUTÓNOMOS E MICROEMPRESAS (COVID-19)

ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Programa I. Persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR500A)

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA e que teñan o domicilio fiscal en Galicia, incluídos os autónomos societarios que teñan unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 % nos termos establecidos no artigo 19.3.

2. As persoas autónomas societarias, que estean de alta no RETA con data anterior ao 30.3.2020 e indiquen no anexo I unha empresa da cal sexan societarios cunha porcentaxe de participación mínima do 25 %, e que cumpra os requisitos de baixada de facturación.

3. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que, aínda que non estean de alta no momento da presentación da súa solicitude, estivesen de alta un mínimo de catro meses e máximo de nove meses, en cada un dos anos 2018 e 2019.

4. Unicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física.

5. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

Para maior información, poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web
www.oficinadoautonomo.gal.

Importe das axudas

1. As axudas concederanse polos seguintes importes:

a) 1.200 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación entre o 45 % e o 60 %.

b) 2.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.

c) 3.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

2. Para as persoas autónomas de tempada, os importes da axuda serán o 50 % das cantidades indicadas no punto anterior.

3. A baixada de facturación calcularase de xeito xeral comparando os datos de facturación anual de 2020 cos de 2019.

Excepcionalmente, considéranse outros parámetros para os seguintes supostos:

a) Persoas autónomas de tempada: a baixada de facturación calcularase comparando a media mensual dos meses que estivo de alta no ano 2019 coa facturación media dos meses que estivo de alta no ano 2020, polo que, se non estivo de alta durante o ano 2020, xa se considera como actividade especialmente paralizada en canto ao volume de facturación.

b) Para as altas ou empresas creadas ao longo do ano 2019, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do ano 2019 coa facturación media dos meses do ano 2020.

c) Para as altas ou empresas creadas desde o 1.1.2020 ao 31.3.2020, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020.

4. A baixada de facturación acreditarase con calquera das seguintes modalidades:

– Estimación directa: mediante a declaración de IVE anual (modelo 390) dos anos 2019 e 2020 ou declaracións trimestrais de IVE (modelos 303), declaración trimestral do IRPF (modelo 130) do IV trimestre do ano 2019 co IV trimestre do ano 2020.

– No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos, a diminución de facturación establecida no artigo 18 deberase acreditar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas, ou libro diario de ingresos e gastos, ou libro rexistro de vendas e ingresos, ou o libro de compras e gastos, ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación, como poden ser, entre outros e tendo en conta a actividade económica, a presentación de descenso de consumo de enerxía eléctrica, copia do rexistro de caixa ou cobramentos e pagamentos por TPV, ou calquera outro medio, dos anos 2019 e 2020.

5. O método de xustificación empregado será o de custos simplificados, sumas a tanto global, conforme o disposto no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Programa II. Microempresas (código de procedemento TR500B)

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas e das persoas traballadoras autónomas, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

Excepcionalmente, poderán ser beneficiarias as empresas que teñan ata 25 persoas traballadoras e o volume de facturación non sexa superior a dous millón de euros no último ano en que se presentasen contas e acrediten un descenso de facturación superior ao 60 %. No caso das pemes pertencentes ao canal de distribución Horeca, o volume de facturación elevarase ata os cinco millóns de euros.

Persoas ou entidades beneficiarias

1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas, as microempresas e, excepcionalmente, as pemes conforme o indicado no artigo anterior, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo e que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

As persoas o entidades beneficiarias deberán cumprir todos e cada un destes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Que a facturación baixase polo menos a cantidade indicada na epígrafe anterior no ano 2020 segundo o cálculo definido no artigo 31.

2. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese un descenso de facturación igual ou superior ao 70 %.

Importes das axudas

1. As axudas concederanse polos seguintes importes:

a) 4.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de entre o 45 % e o 60 %.

b) 5.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.

c) 6.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

2. A baixada de facturación calcularase de xeito xeral comparando os datos de facturación anual de 2019 cos do ano 2020.

Excepcionalmente, prevense outros parámetros para os seguintes supostos:

a) Para as altas ou empresas creadas ao longo do ano 2019, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do ano 2019 coa facturación media dos meses do ano 2020.

b) Para as altas o empresas creadas desde o 1.1.2020 ao 31.3.2020, a baixada de facturación calcularse comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020.

3. A dita cantidade incrementarase ata 3.000 € en función do número de persoas traballadoras por conta allea que teñan no momento da publicación da orde, segundo a seguinte escala:

a) 1.000 € se teñen de 4 a 9 persoas traballadoras.

b) 2.000 € se teñen de 10 a 20 persoas traballadoras.

c) 3.000 € se teñen de 21 a 25 persoas traballadoras.

4. A baixada de facturación acreditarase con calquera das seguintes modalidades:

– Estimación directa: mediante a declaración de IVE anual (modelo 390) dos anos 2019 e 2020 ou declaracións trimestrais de IVE (modelos 303), declaración trimestral do IRPF (modelo 130) do IV trimestre do ano 2019 co IV trimestre do ano 2020.

– No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos a diminución de facturación establecida no artigo 18, deberase acreditar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas ou libro diario de ingresos e gastos ou libro rexistro de vendas e ingresos ou o libro de compras e gastos ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación. Como poden ser, entre outros e tendo en conta a actividade económica, a presentación de descenso de consumo de enerxía eléctrica, copia do rexistro de caixa ou cobramentos e pagamentos por TPV ou calquera outro medio dos anos 2019 e 2020.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web
www.oficinadoautonomo.gal.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes rematá o 18 de marzo de 2021

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR500A&ano=2021&numpub=1&lang=es
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR500B&ano=2021&numpub=1&lang=es
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210218/AnuncioG0599-170221-1_gl.html