AXUDAS PARA O APOIO DE PROXECTOS PILOTO, DESENVOLVEMENTO DE NOVOS PRODUTOS, PRÁCTICAS, PROCESOS E TECNOLOXÍAS NO ÁMBITO AGROFORESTAL

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR331A).

Entidades beneficiarias das axudas e outros axentes cooperantes

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das subvencións obxecto da presente resolución:

a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.

b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente resolución os centros de investigación e experimentación e centros tecnolóxicos.

2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, e poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades (ambas as dúas sen ánimo de lucro) dedicadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura, así como á transformación do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentable dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación, excepto no caso de produtores primarios que acrediten a súa participación activa no proxecto.

3. Na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous axentes e cando menos un deles deberá ser un dos indicados no punto 1 deste artigo e o outro, un dos axentes cooperantes a que se fai referencia no punto 2 deste mesmo artigo.

Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias da acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Certificar que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención de subvención ou axuda pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha mesma entidade non poderá ser beneficiaria de máis de dúas axudas nesta convocatoria. No caso das entidades que teñan máis de dúas solicitudes que superen a fase de avaliación, só serán admitidas aquelas dúas solicitudes que acadasen a maior puntuación nesta fase.

Actividades subvencionables

1. As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:

a) Xestión sustentable dos recursos naturais.

b) Sistemas agrarios de produción.

c) Industria agroalimentaria.

d) Cadea agroalimentaria.

e) Bioeconomía.

2. A duración da iniciativa de cooperación será de tres anualidades.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de marzo de 2021

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR331A&ano=2021&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210218/AnuncioG0528-030221-0001_gl.html