AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO

ORDE do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento BS403C).

Características do proxecto piloto

1. A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

2. Este proxecto piloto desenvolverase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes cada doce, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións contidas no número anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de ausencia, enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este quentar alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e os alimentos xa cociñados como o material de hixiene, tales como cueiros, toalliñas ou cremas.

5. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano, ou parte proporcional ao período de desenvolvemento do proxecto, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, circunstancia que deberá ser posta en coñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, terán prioridade, se as houber, as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo coas puntuacións establecidas no anexo VIII.

7. Para acceder ao financiamento previsto, é necesario que no concello onde se propoña o desenvolvemento do proxecto exista un mínimo de tres nenos/as potenciais usuarios/as. Igualmente, é preciso que se atenda un mínimo de nenos/as, que na primeira anualidade de desenvolvemento do proxecto piloto se establece en tres, número mínimo que, por falta de demanda, poderá baixar a dous nas sucesivas anualidades, circunstancia que en todo caso deberá ser comunicada e debidamente xustificada á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en Educación Infantil.

2º. Grao en mestre/a de Educación Infantil/Educación Primaria.

3º. Grao en Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispor del con anterioridade á posta en marcha do proxecto piloto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos, que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.

En todo caso, o mobiliario deberá ter bordos romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais na planta baixa.

d) Dispor dun plan de actuación cos/cas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

2. O requisito establecido na letra a) do número anterior deberá cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto de requisitos previstos no número anterior deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 12 de abril de 2021.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403C&ano=2021&numpub=1&lang=es
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210311/AnuncioG0425-010321-0001_gl.html