AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS MAIOR

ORDE do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se teña presentado ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade.

Para efectos da presente orde considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212A.

2. Por medio da presente orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto casas do maior durante os anos 2021, 2022 e 2023.

Características do proxecto

1. A casa do maior, como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, graos I e II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento en institución cando non sexa desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e /ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

2. Este proxecto piloto desenvolverase, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, no cal a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas beneficiarias das axudas poderán facturar por este servizo un máximo de 5 euros por persoa e día, sempre que se realizase un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

5. Se a persoa promotora da casa opta por asumir o desprazamento das persoas usuarias ata ela, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá cubrir unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias queiran facer uso del.

6. As persoas maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función disto, servirase, o almorzo, o xantar e/ou a merenda, segundo proceda.

7. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe e que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados, ni padecerán enfermidades infecto-contaxiosas en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

8. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda un mínimo de 1 e máximo de 5 persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza, así como o establecido entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a ocupación efectiva dela.

Persoas beneficiarias:                                  VER ARTIGO 4 DA ORDE

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 abril de 2021

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210331/AnuncioG0425-230321-0001_gl.html