Shape it, Move it: Galicia-Portugal 2017
08/05/2017
Coñeces as últimas prazas de emprego público? Infórmate
10/05/2017
Amosalo todo

Axudas para a RSE, a igualdade e a conciliación nas pemes e autónomos. Prazo 5 de xuño

A Xunta destina máis de 800.000 euros, un 36,2% máis ca en 2016, a impulsar a implantación de sistemas de xestión de RSE, plans de igualdade e medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida persoal e laboral entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas. O prazo para solicitar as axudas remata o 5 de xuño, inclusive.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) do mércores 3 de maio a Orde do 12 de abril de 2017 pola que se establecen as bases do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade e conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, procedendo á súa convocatoria para o ano 2017.

Co obxectivo de fomentar a RSE e, en concreto, a modalidade da igualdade de xénero no ámbito laboral e a corresponsabilidade e a conciliación, o Goberno galego pon en marcha este programa de axudas que dá cumprimento ao recollido na Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, que ten entre os seus retos acadar un emprego de calidade, para o cal a cultura empresarial da RSE xoga un papel fundamental. As axudas para este ano increméntanse nun 36,2% con respecto ao ano anterior, superando os 800.000 euros.

Tres liñas de axudas

Liña I. Implantación da RSE. Subvenciónase o 100% dos custos do proceso de obtención de certificacións ou de informes de validación de códigos de conduta, normas ou estándares de RSE. Outorgarase un máximo de 2.500 euros por empresa.

Liña II. Implantación de plans de igualdade. Subvenciónase a obtención de certificacións de plans de igualdade expedidos polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Farase un pagamento de 2.000 euros por empresa.

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Esta divídese en tres subliñas. Na primeira, incentívase a adopción de acordos laborais de teletraballo por períodos non inferiores a un ano. Na segunda subliña, incentívase o establecemento de medidas de flexibilidade horaria, tales como sistemas de compensación de días e horas, xornada continua ou permisos especiais. As axudas nestes dous casos consisten nun incentivo de 3.000 euros por persoa beneficiada, cun límite máximo de 12.000 euros por empresa. A cantidade incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas onde a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Finalmente, a terceira subliña subvenciona ata o 80% a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos que posibiliten o teletraballo. Outorgaranse 1.500 euros por persoa, cun máximo de 5.000 euros por empresa. A axuda incrementarase nun 10% para aquelas empresas onde a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Poden solicitar máis información na Mancomunidade de Verín.