SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421G).

O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).

Beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu artigo 1.3, entre as que figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

b) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

– Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

– Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtos primarios.

3. Non poderán ter condición de beneficiarias as empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A do CNAE-2009 e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40, ambas excluídas como beneficiarias.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) As empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro de 2019 ou que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Investimentos subvencionables

1. Son subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares, bomba de calor, caldeira…). No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondeos, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, outros.

g) No caso de redes de distribución de calor con biomasa, o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da sala de caldeiras.

Características dos equipos subvencionables.

Co obxectivo de garantir ao máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, no caso que sexa necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) respecto a instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE.

a) Biomasa.

No caso das caldeiras de biomasa, os equipamentos térmicos terán una cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a D para que o proxecto sexa subvencionable, sempre e cando esta cualificación enerxética sexa de aplicación.

b) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións nominais de temperaturas establecidas na norma que os afecte (UNE-EN 14511 ou equivalente). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas, 7/35 ºC para bombas de calor aire auga e 7/20 ºC para bombas de calor aire/aire. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

Non serán subvencionables os equipamentos tipo monobloc de bomba de calor para auga quente sanitaria.

c) Solar térmica.

Considéranse nesta epígrafe as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de xuño de 2021.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210525/AnuncioG0474-110521-0003_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IN421G&ano=2021&numpub=1&lang=gl