O luns, 4 de xaneiro, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín impulsou a primeira mesa de acción comarcal para a lograr a óptima coordinación dos diferentes servizos e institucións implicados na loita contra a violencia de xénero.

Deu a benvida á mesa, José Luis Suárez Martínez presidente da Mancomunidade de Verín, e o presidente en funcións da mesa Diego Lourenzo Moura. Tamén asistiu Manuel Pardo Cid, xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e profesionais na área de especialidade da Subdelegación do Goberno, Emume, Garda Civil, Centro de Información ás Mulleres (CIM), Servizos Sociais, Servizo Público de Saúde e os centros escolares da comarca de Verín.
“A violencia non se ve, pero existe na nosa comarca e temos un compromiso ético para facerlle fronte de xeito coordinado e ofrecendo o mellor servizo posible” – puntualizaban na mesa. Fíxose especial énfase na importancia da prevención primaria e detección de casos nos centros de saúde e tamén nas escolas. A violencia de xénero afecta ós menores dunha forma moi significativa; é hora de desenvolver actuacións para conseguir que a vida de estes nenos e nenas sexa o mellor posible.

Peticións do CIM da Mancomunidade de Verín

O CIM levou a cabo unha exposición do impacto que ten a violencia de xénero nas mulleres e nenos e nenas na nosa comarca, tamén mencionou ás mulleres máis vulnerables, ás do rural e as mulleres da terceira idade que están a sufrir esta situación.

O CIM propuxo a necesidade de levar a cabo un Observatorio da Igualdade a nivel comarcal para poder realizar unha diagnose da situación actual, implantar un Punto de Encontro Familiar para facilitar a vida das mulleres e os menores que teñen que facer uso de este servizo e máis recursos lúdicos, educativos e deportivos para os menores que sofren violencia de xénero, para conseguir involucralos en actividades positivas en espazos libres de violencia.

Destacamos a gran importancia da labor dos centros educativos en canto a detección e prevención primaria de posibles casos de violencia e a necesidade de levar a cabo campañas educativas para sensibilizar á xuventude.

Esta primeira reunión supuxo unha folla de ruta para as próximas reunións de coordinación. A mesa de coordinación contra a violencia de xénero será convocada dúas veces ó ano. Os obxectivos da seguinte convocatoria estarán especialmente centrados en analizar as actividades de coeducación que se están realizando nos centros e detectar posibles carencias de comunicación para mellorar os servizos.

Dende a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín temos que agradecer a presenza das diferentes institucións e agardamos continuar con esta labor a prol da defensa dos dereitos humanos e da igualdade.