AXUDAS DESTINADAS A TRABALLADORES CON 55 ANOS OU MÁIS, POLA EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS DE TRABALLO POR PROCEDEREN DE EMPRESAS EN CRISE

ORDE do 9 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR820E).

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social

Requisitos das persoas beneficiarias

  1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:
  2. a) Que se teña extinguido os seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia da sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas, tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.
  3. b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunha das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.
  4. c) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores; este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou sentenza declarativa.
  5. d) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundada nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, peche da empresa e causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento; esta última debe vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do seu peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
  6. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:
  7. a) Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1 deste artigo.
  8. b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorreran máis de 4 anos desde que se produciu a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1 do presente artigo, aínda que con posterioridade teña tido algún contrato de traballo. Nestes casos a finalización do derradeiro contrato non debera producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.
  9. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo estea situado en Galicia.
  10. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo sexa dun mínimo de tres anos.
  11. Que conte con 55 ou máis anos de idade.
  12. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.
  13. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no número 1 deste artigo non supere o importe de 2.600 euros.

Nos supostos do número 2.b) deste artigo, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior tomaranse tamén as bases de cotización pola dita continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.

  1. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.
  2. Non poderá ser persoa beneficiaria desta axuda se a empresa tivese a obriga legal de subscribir convenio especial coa Seguridade Social.
  3. Non ser persoa beneficiaria ao abeiro doutra orde ou convocatoria de axudas para a mesma finalidade.
  4. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nin tampouco aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Obrigas da persoa beneficiaria

  1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A persoa beneficiaria da axuda deberá ter subscrito ou subscribir no período subvencionable convenio especial coa Seguridade Social, nos seguintes termos:

2.1. Se o convenio especial se subscribiu con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, deberá acreditarse de maneira fidedigna coa solicitude, tal e como se estableza na correspondente convocatoria.

2.2. Se o convenio especial non se subscribise con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, a persoa beneficiaria deberá achegar ao órgano xestor copia do convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación de concesión da axuda, se este se subscribiu antes da dita notificación.

2.3. Cando no momento da notificación de concesión da axuda aínda non se subscribise o convenio especial, a persoa beneficiaria deberá acreditar a presentación da solicitude de subscrición do convenio especial, no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación da concesión da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá enviar, posteriormente, ao órgano xestor copia do convenio especial subscrito, no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ao da súa subscrición.

Todo isto sen prexuízo das competencias da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, para os efectos de que efectivamente proceda a subscrición do dito convenio.

  1. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
  2. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que poida derivar da percepción da axuda.
  3. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

Programa II. Axudas dirixidas a persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade en situación de despedimento ou extinción de contrato conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, en empresas declaradas insolventes
ou en procedemento concursal, por procederen dunha empresa en crise

Requisitos das persoas beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias todos aquelas persoas traballadoras que cumpran cos seguintes requisitos, no momento de presentar a solicitude:
  2. a) Que, durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria, se extinguise o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.

Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.

Cando se trate de empresas en procedemento concursal a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunhas das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.

  1. b) Que o importe de indemnización aboado polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.
  2. c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea localizado en Galicia.
  3. d) Ter feitos os 55 anos ou máis.
  4. e) Que a antigüidade na empresa de que procede sexa dun mínimo de tres anos.
  5. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nin tampouco aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias

  1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
  3. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que poida derivar da percepción da axuda.
  4. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2020

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200623/AnuncioG0424-110620-0003_gl.html

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR820E&ano=2020&numpub=1&lang=gl