AXUDAS XEMPRE AUTÓNOMO PARA PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341D).

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estaren inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoas autónomas ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecer de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e encontrarse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Teren iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Estaren de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Teren o domicilio fiscal en Galicia.

f) Non teren percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data de inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

g) Non teren desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin que estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

Contía da subvención

1. Co obxecto de axudar as persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación, coas seguintes contías:

1.1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

1.2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

a) Persoas menores de 30 anos.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.

d) Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.

e) Persoas maiores de 55 anos.

1.3. A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e) do punto 1.2 deste artigo).

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes remata ás 9.00 horas do día 29 de setembro de 2023.

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341D&ano=2023&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230124/AnuncioG0656-040123-0008_gl.html