AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASA DO MAIOR

ORDE do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Finalidade:

A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.

Para os efectos desta orde, considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á Consellería de Política Social e Xuventude, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

Características dos proxectos

1. A casa do maior perfílase como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia, reconducíndose de xeito específico ás recoñecidas no grao I, así como para persoas maiores sen dependencia, como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal. O servizo comprenderá a atención diúrna específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual e se evite o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e /ou atrasar a institucionalización de persoas maiores e de reducir a súa dependencia e illamento sociais.

2. A atención diúrna prestada comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas promotoras da casa do maior poderán facturar por este servizo un máximo de sete (7) euros por persoa e día, sempre que se realice un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

Así mesmo, se a persoa promotora da casa do maior opta por engadir o servizo de desprazamento das persoas usuarias ata esta, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de dez (10) euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá cubrir unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o dito servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias queiran facer uso del.

3. Estes proxectos teñen, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, en que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións. O mes de vacacións poderase fraccionar en dous períodos. Excepcionalmente, cando por causas de forza maior, xustificadamente e de acordo coas persoas usuarias, se demanden períodos vacacionais de duración inferior, deberanse solicitar previamente á Consellería de Política Social e Xuventude e contar coa autorización desta.

4. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto débese manter en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

5. As persoas maiores usuarias poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará coa persoa profesional encargada do desenvolvemento da casa do maior. En función do horario establecido, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

6. Cada casa do maior terá un máximo de cinco (5) prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar, en todo caso, empadroadas no concello en que se localice esta ou nun limítrofe que non conte con servizos de atención diúrna a persoas maiores.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas persoas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados ou sufran enfermidades infectocontaxiosas en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

7. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda un mínimo dunha (1) e máximo de cinco (5) persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza, así como o establecido entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a súa ocupación efectiva.

8. O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de cinco (5) anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da persoa promotora da casa do maior que o leve a cabo impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no número 6.

O prazo de presentación e solicitudes remata o 22 de maio de 2023

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS212A&ano=2023&numpub=1&lang=gl
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230421/AnuncioG0657-110423-0001_gl.html