ACCESO A CRÉDITO DAS PEMES. FINANCIAMENTO IGAPE-PEMES
23/01/2024
PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS
23/01/2024
Amosalo todo

PROGRAMA NOVA OPORTUNIDADE DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

PROGRAMA NOVA OPORTUNIDADE DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR790A).

Establécese unha modalidade de axuda para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.

A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.

O programa ten como apoio o bono alta Nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver emprender, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2023 ao 30 de outubro de 2024, e atoparse de alta no momento da solicitude.

b) Ter a última alta no RETA antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos desde a data da publicación desta orde.

c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.

e) Transcorrer un período mínimo de seis meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

f) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

h) Ter dado a baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e, en todo caso, con data posterior ao 31 de outubro de 2023.

3. Quedan excluídas das axudas reguladas nesta orde as persoas traballadoras autónomas que xa foran beneficiarias con anterioridade desta axuda (TR790A), así como as persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio. Tamén quedan excluídas as persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.

Axudas

A axuda do bono alta Nova oportunidade será dunha contía de 7.500 €, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2024.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240122/AnuncioG0656-291223-0008_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR790A&ano=2024&numpub=1&lang=gl