ORDE do 9 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Este programa presta un especial apoio ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55, a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados, así como ás que teñen especiais dificultades de inserción laboral.

O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:

  1. a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
  2. b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.
  3. c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
  4. d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

 

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de agosto de 2025

 

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos?c=&termo=emega&prazoDende=&prazoAta=

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250714/AnuncioG0762-100725-0001_gl.html