Cursos AFD Mancumunidade de Verín 2025-2026
23/09/2025
Amosalo todo

Proxecto Respira VI. Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero

O Proxecto Respira VI (6ºedición) é un proxecto organizado polo Centro da Muller (C.I.M) da Mancomunidade de Verín e subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade (Xunta de Galicia) e con apoios de Financiación da Unión Europea. 

Trátase dun proxecto de convivencia para nais e seus fillos/as, que residen nos sete concellos da Comarca de Verín. Teñen preferencia as mulleres que foron atendidas polo CIM e tamén, polos Servizos Sociais Comunitarios. Un programa 100% subvencionado.

Obxectivos do proxecto Respira VI:

  1. Fortalecer o vínculo afectivo entre nais e fillos/as, favorecendo relacións máis seguras e saudables.
  2. Promover experiencias de ocio positivo en familia como ferramenta para o desenvolvemento da resiliencia fronte ás situacións vividas.
  3. Participar en sesións terapéuticas en contacto coa natureza, aproveitando o seu valor transformador no proceso de recuperación emocional.
  4. Favorecer a identificación, xestión e expresión saudable das emocións, promovendo a súa reorganización interna.
  5. Impulsar a autoestima das mulleres e a súa activación vital, fomentando actitudes proactivas na reconstrución do seu proxecto de vida.
  6. Reforzar as relacións terapéuticas coas profesionais do CIM, baseadas na confianza, seguridade e acompañamento continuo.
  7. Traballar a coeducación no ámbito familiar, promovendo cambios nos fogares e aprendizaxes en igualdade.
  8. Fomentar estilos de vida saudables, mediante hábitos de hixiene, alimentación equilibrada e rutinas de autocuidado.
  9. Utilizar o deporte como ferramenta educativa para a igualdade e o empoderamento persoal.
  10. Orientar e acompañar ás mulleres no seu proceso de inserción laboral, mediante programas individualizados e apoio continuado.
  11. Mellorar o benestar subxectivo das mulleres vítimas de violencia de xénero, promovendo a recuperación integral e a autonomía persoal.

Resultados do proxecto Respira VI:

NA ÁREA DE RELACIÓN E VÍNCULO FAMILIAR

A través da terapia con cabalos, traballamos as relacións entre nais e fillos/as. A totalidade das persoas usuarias valoran moi positivamente esta actividade, describíndoa como unha experiencia enriquecedora e moi gratificante compartida cos seus fillos e fillas.

NA ÁREA EMOCIONAL

As entrevistas de seguimento reflicten que o proxecto xera emocións positivas e deixa lembranzas agradables nas familias. Destácanse especialmente os «retos compartidos en familia», que teñen un forte impacto nos nenos e nenas máis pequenos/as.

NA ÁREA DE RELACIÓNS SOCIAIS

Este proxecto promove a cooperación en grupo, a coordinación e o traballo tanto individual como por idades e entre diferentes familias. Moitas das persoas participantes establecen vínculos de amizade e apoio mutuo. Ademais, creouse un grupo de WhatsApp no que se seguen ofrecendo actividades ao longo do ano.

NO DESENVOLVEMENTO DE COMPETENCIAS

Traballouse a autonomía das nais, así como a capacidade de tomar decisións, a crianza positiva, a posta de normas e límites, e a adquisición de hábitos saudables (como unha boa alimentación, evitar o uso de pantallas, pasar tempo ao aire libre, etc.). Tamén se fomentaron habilidades de comunicación a través de dinámicas como entrevistas e xogos de roles.

NOS HÁBITOS DE SAÚDE

O interese por manter a actividade física e practicar deporte en grupo foi un dos logros máis relevantes. 

NA INSERCIÓN LABORAL

Máis da metade das mulleres participantes conseguiron un emprego ou iniciaron algunha actividade laboral durante o verán. O 90% delas seguen activas nos seus itinerarios de inserción laboral (IPIs) e están pendentes de comezar cursos AFD ofrecidos pola entidade.