
O Centro da Muller da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín presenta a súa campaña do Preventroido26, este ano centrada na prevención das ITS/VIH- Infeccións de transmisión sexual e das Violencias Sexuais nas Festas. Unha campaña que se lanza ó público en xeral, pero que está pensada para chegar especialmente á poboación moza da Comarca de Verín.
O Preventroido26 é unha campaña de sensibilización e prevención a nivel primario que pretende promover as condutas de respecto e reducir as condutas de risco asociadas a vivencia da sexualidade. O Entroido é unha das festividades máis importantes na Comarca de Verín, que se caracteriza pola súa sátira e polo seu humor, elementos clave para o impacto desta campaña de sensibilización: “Sen capuchón non se goza do folión”.
A campaña Preventroido26 consiste no lanzamento de máis de 2.000 adhesivos con slogans que invitan a reflexión sobre a sexualidade e o consentimento. Ademais, o C.I.M. publicará un vídeo de presentación da campaña, un póster, miles de folletos con información de axuda e charlas informativas sobre saúde e educación sexual nos institutos da comarca. “Sabemos que entregar preservativos á xuventude non educa” por iso, dende o C.I.M. estamos dinamizando talleres en institutos que implicarán preto de 200 mozos e mozas. “Non queremos transmitir unha mensaxe de medo pero si de concienciación e de promoción de hábitos de saúde e prevención da violencia sexual”. Os datos da OMS indican que a xuventude inicia a súa conduta sexual dende os 13 anos de idade, e que un 35% da xuventude non emprega o preservativo de xeito consistente nos seus encontros sexuais.
Ademais o C.I.M lanzará a presentación dos adhesivos o “Día das comadres”, xa que sempre teñen moi boa acollida entre a mocidade, así como unha campaña informativa nas súas redes sociais @mancoverincim. O Preventroido é unha campaña deseñada na súa totalidade na Comarca de Verín, onde a xuventude tamén participa de xeito activo, dando paso a colaboracións a profesionais xoves, e mensaxes que representan a nosa cultura rural e fan alusión ós nosos concellos e tradicións propias.
O Centro da Muller impulsa esta campaña grazas ó apoio dos sete concellos que forman parte da Mancomunidade de Verín, o Ministerio de Igualdade e a colaboración do Sergas.