
A Mancomunidade de Verín, en colaboración coa Consellería de Sanidade, pon en marcha con motivo do Entroido 2026 unha nova campaña de prevención de condutas adictivas, dirixida especialmente á poboación moza, cunha mensaxe clara, positiva e vencellada á identidade propia do
Entroido de Verín.
Baixo o lema “O único colocón, a mitra do Cigarrón”, a campaña aposta por promover unha vivencia do Entroido baseada na diversión, na tradición e no goce responsable, sen recorrer a mensaxes prohibicionistas nin alarmistas. A proposta céntrase en reforzar a idea de que a auténtica intensidade do Entroido está na festa, na participación e na cultura popular, e non no consumo de substancias.
O cartaz da campaña presenta unha estética moderna , cunha silueta da mitra do Cigarrón como elemento protagonista, empregando cores divertidas. Esta elección visual pretende conectar coa mocidade desde códigos actuais, mantendo ao mesmo tempo o respecto polo símbolo máis representativo do Entroido verinés.
A iniciativa enmárcase no traballo continuado do Equipo de Prevención de Condutas Adictivas da Mancomunidade de Verín, que desenvolve accións ao longo de todo o ano para fomentar hábitos saudables, pensamento crítico e alternativas de lecer responsables, especialmente en contextos festivos.
A campaña terá presenza tanto en formato físico, a través de cartaces, como en redes sociais, co obxectivo de ampliar o seu alcance e adaptarse aos canles de comunicación máis utilizados pola poboación nova durante estas datas.
Dende a Mancomunidade de Verín destácase a importancia de seguir traballando a prevención desde unha perspectiva positiva, creativa e próxima, integrando a mensaxe dentro da propia festa e reforzando os valores culturais e comunitarios do Entroido.