Dende o Centro de Información á Muller (C.I.M.), da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, centro acreditado pola Xunta de Galicia, que presta servizo na demarcación de Verín, Laza, Monterrei, Castrelo do Val, Oimbra, Cualedro e Vilardevos, consideramos de importancia expoñer a nosa opinión en relación ás novas do peche do xulgado de violencia de xénero de Verín.
Levamos uns meses sendo coñecedoras mediante a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), dos cambios significativos no funcionamento do Servizo Público de Xustiza, concretamente a ampliación da competencia da Sección de Violencia de Xénero do Xulgado de Primeira Instancia de Ourense ao partido xudicial de Verín, entre outros. Esta medida sorprendeunos moito, dadas as necesidades da nosa comarca e o elevado número de casos relacionados coa Violencia de Xénero.
Dende que o C.I.M. coñeceu esta nova medida, elaboramos informes de necesidade e de impacto, coa finalidade de que esta medida fose avaliada de novo, e que as necesidades da nosa contorna e as nosas usuarias foran tidas en conta. Non obstante, non tivemos éxito.
No verán sumámonos ás protestas que estaban a realizar os procuradores e avogados do Partido Xudicial de Verín. Tamén solicitamos axuda ós concellos, á Xunta de Galicia e outras autoridades involucradas na loita contra a violencia de xénero.
A comarca de Verín, que abrangue xeograficamente os concellos contiguos, é unha zona especialmente vulnerable neste sentido, dada a súa localización fronteiriza. Isto ten importantes implicacións para as mulleres inmigrantes e/ou refuxiadas, así como para as potenciais vítimas de trata ou prostitución. Trátase dunha zona rural onde combater a violencia contra as mulleres é un reto que non podemos ignorar. Ademais, existen variables relacionadas co desenvolvemento económico e as necesidades sociais que, sen dúbida, interfiren na erradicación e intervención neste tipo de violencia.
O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en España inclúe medidas específicas para as mulleres rurais, recoñecendo a súa particular vulnerabilidade. Entre elas, a dificultade para acceder a recursos e servizos de apoio de calidade que poidan axudalas en situacións de extrema vulnerabilidade. As mulleres necesitan servizos locais que lles poidan proporcionar privacidade, anonimato, confidencialidade e seguridade. O noso obxectivo, como entidades locais que prestan este tipo de servizos integrais de asistencia social, é mellorar e ampliar as nosas capacidades en resposta á crecente necesidade de servizos en recursos públicos.
Os Centros de Información á Muller (C.I.M.), como os Servizos Sociais, adoitan ser o primeiro punto de contacto das mulleres que sofren violencia de xénero. Se acompañalas para presentar unha denuncia e acudir ao Xulgado de Verín xa é un reto para elas, trasladalas a Ourense sen dúbida dificultará moito o proceso. Ademais, non se está a ter en conta a vulnerabilidade social e económica destas mulleres, que a miúdo carecen das necesidades máis básicas, nin tampouco a vulnerabilidade dos seus fillos e fillas.
Nas Mesas de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero considérase esencial a coordinación dos diferentes profesionais e institucións que abordan a violencia de xénero. Este tipo de violencia é tan complexa que require unha coordinación áxil entre profesionais de diferentes ámbitos. Non se trata dun asesoramento puntual, senón dun apoio próximo e a longo prazo.
En materia de violencia de xénero, é fundamental ofrecer un Sistema de Xustiza accesible para todos, inmediato, e que tamén garanta a protección dos dereitos fundamentais e a reparación dos danos. A «revictimización» das mulleres xera sen dúbida unha enorme desconfianza no sistema e moita dor psicolóxica, que se estende máis alá das propias vítimas ás súas familias. Desde unha perspectiva social, tememos que estas reformas poidan dificultar tanto a detección de casos de violencia de xénero como a presentación de denuncias e a correspondente activación de ordes de protección para as vítimas, así como a calidade da asistencia profesional.
Desde o Centro de Información á Muller (C.I.M.) da Mancomunidade de Verín amosamos a nosa repulsa contra o peche do Xulgado de Violencia de Xénero de Verín.
O 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero ás 12.00 horas, levarase a cabo un acto de protesta pública en Verín, na cal agardamos que os nosos veciños/as podan sumarse.
En Verín, 20 de novembro de 2025
Equipo do C.I.M. da Mancomunidade de Verín