A Mancomunidade de Verín abre o prazo de inscrición en dous cursos gratuítos de formación para o emprego
16/07/2026
Amosalo todo

Cultura que Transforma: Ocio Comunitario pola Corresponsabilidade chega á comarca de Verín

O Centro de Información á Muller (C.I.M.) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín pon en marcha o programa «Cultura que Transforma: Ocio Comunitario pola Corresponsabilidade», unha iniciativa que levará actividades culturais e de lecer familiar aos concellos de Verín, Castrelo do Val, Laza e Vilardevós, promovendo ao mesmo tempo a sensibilización sobre a corresponsabilidade nos coidados e nas tarefas do fogar.

A través de espectáculos de teatro de títeres e dun divertido pequeno cabaret infantil, búscase crear espazos de encontro para as familias, fomentando valores como a igualdade, a cooperación e o reparto equilibrado das responsabilidades familiares.

Programación

Teatro de Títeres “BRUNX EL MARCIANO”

Luns, 10 de agosto
Verín – 10:30 h | Praza do Concello de Verín
Vilardevós – 12:30 h | Casa da Cultura de Vilardevós

Martes, 11 de agosto
Castrelo do Val – 10:30 h | CEIP Raúl Fernández de Castrelo do Val
Laza – 12:00 h | Pavillón Deportivo de Laza
Pequeno Cabaret Infantil

Sábado, 8 de agosto
Verín – 18:30 h | Praza García Barbón de Verín
Castrelo do Val – 20:00 h | O Terrón en Castrelo do Val
Venres, 14 de agosto
Vilardevós – 18:00 h | Praza do Cruceiro de Vilardevós
Laza – 20:30 h | Praza da Picota de Laza

Entradas para familias corresponsables e colaboración coas ludotecas de verán dos concellos

No marco desta iniciativa, o Centro de Información á Muller fará entrega de entradas para as ludotecas dos diferentes concellos, destinadas ás familias corresponsables, que poderán asistir gratuitamente aos espectáculos.

 

Estas entradas incorporan mensaxes de sensibilización destinadas os pais e homes da familia, sobre a importancia da corresponsabilidade no fogar, promovendo un reparto máis xusto e equilibrado das tarefas domésticas e dos coidados entre todas as persoas que forman parte da unidade familiar.

Con esta acción, o C.I.M. da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, utilizando a cultura e o lecer como ferramentas de transformación social e de educación en valores desde a infancia.

Trátase dun proxecto subvencionado grazas o Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e Xacobeo 2027. 

Queres saber máis sobre as obras que imos a representar na rúa?

«Brunx, o marciano» é unha divertida obra de títeres na que un simpático extraterrestre chega á Terra disposto a descubrir como viven as persoas. Ao longo da historia, e coa participación das nenas e dos nenos, aprenderá a importancia da cooperación, da igualdade e da corresponsabilidade nas tarefas cotiás. A través do humor, da música e da interacción co público, o espectáculo convida ás familias a reflexionar sobre o valor de compartir os coidados e as responsabilidades no fogar dunha forma amena e divertida.

“Pequeno Cabaret Infantil”, de Nelson Quinteiro Producións, é un espectáculo familiar que combina teatro, humor, música e moita participación do público. Da man do mestre de cerimonias Pedriño Mendrugo e a súa inseparable pulga Jacinta Florette, os contos tradicionais transfórmanse en divertidas historias cheas de ritmo, cancións e sorpresas. Unha proposta entrañable e participativa que convida a grandes e pequenos a gozar xuntos dunha experiencia lúdica na que tamén se promoven valores como a cooperación, a igualdade e a convivencia.