SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL
06/02/2024
Amosalo todo

SUBVENCIÓNS PARA APOIAR INICIATIVAS DE EMPREDEMENTO

SUBVENCIÓNS PARA APOIAR INICIATIVAS DE EMPREDEMENTO

ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 30 de setembro de 2023 e a data da presentación da solicitude.

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciase a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022. En concreto:

1) Equipamento informático.

2) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.

3) Investimentos en eficiencia enerxética.

4) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5) Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

6) Gastos notariais e/ou rexistrais.

7) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade.

8) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

– Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.

– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares. Estes criterios acreditaranse mediante certificación dun taxador/a independente ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda man obxecto de transacción.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións, non será preciso achegar as tres ofertas a que se fai referencia no artigo 11.d).

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.

A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria; para estes efectos, admitiranse expresamente as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue dende o 30 de setembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude.

4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 2 anos desde a devandita data.

5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

6. Non serán subvencionables o IVE e outros impostos.

7. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a persoas terceiras.

8. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.

9. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 12 de febreiro de 2024 e estará aberto ata o 28 de xuño de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240205/AnuncioG0656-160124-0003_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR880A